PASTORES OU ASALARIADOS!?

XESÚS MATO



7 Mai 2006

A figura do “pastor” era familiar na tradición xudaica. O pobo “errante e pastoril” entende que o seu Deus é o Bo Pastor que coida, alimenta, defende e agarima ao seu pobo. Tiñan a experiencia dos grandes liberadores Moisés, Saúl, David (antes pastores). Abondan condenas dos profetas contra os “pastores que se apacentan a si mesmos e maltratan ao pobo”. Xesús utiliza a imaxe para dar testemuño de Si Mesmo e marcar camiños de futuro.

Non cualifico. Só subliño que todos somos “pastores”, uns para aos outros. (Antes, só cregos, bispos e o Papa de Roma eran nomeados con ese nome). Hoxe en día todas as persoas constituídas en autoridade/servizo. Todos e todas temos responsabilidades polo simple feito de pertenza a unha familia e a unhas determinadas comunidades educativas, económicas, políticas, relixiosas. Por vivirmos en sociedade. Por iso, xunto cos anteditos, son pastores os pais de familia, educadores, empresarios, gobernantes. Os constituídos en autoridade/servizo. (A autoridade/poder non debe ter cabida nin lugar nun mundo que camiña á procura da fraternidade.)

Cómpre revisar a nosa situación nesa alternativa bos/malos pastores, verdadeiros/falsos, coherentes/incoherentes. Preguntármonos se coñecemos, coidamos e amamos (¡ata á morte!) ás persoas que se nos confiaron; ou, pola contra, se somos uns mercenarios (ou asalariados) ou mesmo chegamos a esquilmar (aproveitármonos) ou abandonar aos irmáns enfermos, feridos ou vellos. As Palabras de Xesús definen actitudes. A nota temos de tirala nosoutros: “Eu son o Bo Pastor. O Bo Pastor dá a vida polas ovellas. O criado, (o asalariado e/ou mercenario), que non é pastor, de quen non son as ovellas, cando ve vir o lobo, déixaas, foxe e o lobo rapínaas e dispérsaas; porque anda a xornal e non lle importan. Eu son o Bo Pastor: coñezo as miñas e as miñas coñécenme e min. Igual que o Pai me coñece e eu coñezo a ao Pai, e dou a miña vida por elas” (Xoán, 10,11-12) Aínda engade máis : “Teño outras ovellas que non son deste curro..tamén as teño que guiar e van escoitar a miña voz...e farase un único rabaño e un único Pastor”.

Unha enquisa publicou a noticia de que os xoves do noso País situaran no último lugar (e ao mesmo nivel) a súa estima e credibilidade na Igrexa e na Política. Isto é moi grave. Tanto a Igrexa coma a Política (pola misión e función na sociedade) deberían ser/estar na primeira liña. Cómpre unha revisión a fondo. Cara dentro e cara fóra. Xerarquía/fieis. Ambos somos “O Pobo de Deus” (Vat.II). ¡Velaí material e testemuños dabondo!

“Xesús realizou a súa misión sendo coherente desde o principio ata ao final aceptando a súa morte como xesto supremo de amor á humanidade e expresión da entrega redentora como pastor que deu a vida por todos nós. ¿Como é que non se nota mais na nosa Igrexa e no mundo de ámbito cristián a mesma coherencia comprometida coa de Xesús!?”


[ Enviar este texto ]