O FUTURO DA IGREXA
Victorino Pérez Prieto. Lisboa 30 de Xaneiro de 2002
“¿Cando chegue o Fillo do Home, ¿atopará fe sobre a terra?” (Lc 18,8).
“O Reino de Deus xa está entre vós” (Lc 17,20)
1. A Igrexa do futuro xa está entre nós.
“Eu son o que vai vir no futuro. O que hai, o que é, é o que vai vir. O que eu son
agora como cristiá, o que son as igrexas é o que vai vir. Para vislumbrar o futuro
só compre ollarse no espello”.
O que vai vir é o froito do que é, do que hai. O que son as igrexas agora é o que vai
vir no futuro, aínda que tamén debamos estar abertos á novidade sorprendente.
Isto é un pensamento moi bíblico; os profetas falan do futuro a partir do presente
e Deus invítaos a ollar atentamente o seu entorno, o seu ser e a súa realidade
presente para poder dicir a súa profecía: “¿Que ves Xeremías?…” (Xer 1,11-15).
Do futuro non podemos dicir nada, só sabemos do hoxe; se ousamos falar do
futuro é porque pode axudarnos a ver o presente.
Mirar o futuro é mirar o presente con imaxinación creadora., o que supón sempre
unha actitude esperanzada: se negamos o futuro xa estamos negando presente.
Se podemos afirmar a presencia renovada da Igrexa ao longo do século XXI é
porque somo capaces de vela con esperanza no comezo deste novo século.
Ademais, mirar o futuro e o presente creativamente supón mirar o pasado, non
para atopar nel as solucións automáticas aos problemas actuais da Igrexa,
senón para descubrir a riqueza do cristianismo primitivo, as veces oculta ou
esquecida, para aprender dos erros e iluminar as posibilidades do presente.
Pero para achegarse á realidade da Igrexa aínda é necesario ter en conta algo
máis:
“O mellor da Igrexa permanece agachado a quen non se mergulla nela dalgún
modo, ou a quen a examina únicamente como instrumento ou como problema: a
Igrexa participa da categoría do misterio no sentido que lle deu Gabriel Marcel, é
unha daquelas realidades que só implicándose nela é posible descubrirlle e
acoller os seus mellores valores. Unha realidade que se esconde ó simple
espectador ou a quen se achegue a ela como simple problema”.
Por iso, precísanse tres actitudes básicas para falar do futuro da Igrexa:
1. Un achegamento realista e agradecido. Porque “a Igrexa é unha nai amable
que nos dá xenerosa o gran regalo da vida de fe, sen ela imposible, e tamén unha
nai chea de defectos que supón unha carga pesada”, como di moi ben Xosé
Antón Miguélez. É moi vella unha afirmación moi sabia: “A Igrexa é unha casta
meretrix”, a Igrexa é santa e prostituta; por iso, a pesar da súa historia de pecado,
a Igrexa ten manifestado unha certa fecundidade evanxélica na súa misión de
comunicar o Evanxeo. De feito, moitos nacimos á fe nesta Igrexa, e iso fainos
incondicionalmente agradecidos a ela, máis alá de toda crítica. Nela recibimos os
elementos básicos da fe: O Evanxeo, o Pobo de Deus (unha comunidade para
vivilo…) e os Sacramentos.
2. Un achegamento solidario a unha Igrexa convocada urxentemente ao Reino. O
que lle esixe unha perspectiva constante de conversión, máis aló da soberbia
asfixiante de crerse posuidora da verdade. Tamén é tradicional outra frase
demasiadas veces esquecida: “Ecclesia sempre reformanda”; a Igrexa debe
sestar sempre en camiño, sempre en proceso de construcción, por iso, tamén,
sempre en constante reforma.
3. Un achegamento crítico a unha Igrexa que pode e precisa ser cambiada, se
quere poder seguir realizando a súa misión no futuro. Non pode perdurar unha
Igrexa sen institución, sen leis, sen dirixentes funcionais, puramente carismática…
E, a Igrexa ten que durar porque leva un tesouro precioso que lle pertence a toda a
humanidade. Pero isto non obriga a aceptar como "sagradas" e intocables as
formas que a institución ten hoxe.
Esta crítica da forma institucional e a actuación práctica da Igrexa debe ser
especialmente forte respeito do seu autoritarismo clerical esmagador; este leva
como consecuencia á marxinación dos leigos, especialmente das mulleres,
traballadoras eternamente “invisibles” na Igrexa.
A teóloga española Mercedes Navarro facía recentemente unha lectura tremenda
da Igrexa desde a parábola evanxélica dos viñadores homicidas (Cf. Mc 12,1-12;
Mt 21,33-45; Lc 20,9-19). Nesta parábola, cuios protagonistas son todos
masculinos, contrapoxense a bondade e a paciencia esperanzada do dono da
viña, coa violencia, a agresión e o asasinato dos viñadores. Ao final, a viña é
confiada a outra xente e os viñadores, que quixeron usurpar a herencia que
corresponde ao Fillo amado, son eliminados. Mentres ao dono móveo o amor e o
cuidado pola viña, aos viñadores móveos a ambición, o control e o poder.
Nesta parábola, Xesús pensaba concretamente nos dirixentes de Israel e así o
entenderon estes, e por iso o mataron. Pero se facemos a transposición desta
metáfora á Igrexa, como se adoita facer na predicación, “a conclusión a que
chegariamos nun sinxelo percorrido histórico, pareceriase tanto á conclusión da
parábloa que ata daría medo”. Porque, aínda que non tódolos líderes relixiosos
responden a este perfil, sí corresponde este ao estamento clerical en xeral,
marcado polo afán de poder e control, máis que polo amor polo pobo ao que din
servir.
A parábola remata coa frase “a pedra que os canteiros rexeitaron é agora a pedra
esquinal”. ¿Quen pode ser esta pedra hoxe? Certamente: os pobres, os
marxinados, a mocidade… e especialmente as mulleres, que son a maioría dos
pobres, a mitade dos xoves e… as que aínda enchen as igrexas e traballan máis
activamente nelas.
2. A Igrexa autoritaria-piramidal, un proxecto caduco.
“A fe cristiá, tal como é presentada oficialmente polo discurso da institución
eclesiástica, interesa cada día a menos persoas… A crise relixiosa e de Igrexa
móstrase como un proceso que afecta á sociedade, á cultura, desde o máis
humano ata o máis divino… Estando así as cousas, aos cristiáns non nos queda
máis remedio que vivir a nosa fe nunha situación de fronteira. E en non raras
veces, mesmo nas marxes desa fronteira. Non se trata dunha actitude de
rebeldía, trátase da única posibilidade de coherencia que temos ao noso alcance”.
Este diagnóstico do teólogo español José Ma Castillo resulta moi duro, pero non
menos acertado. Xa dixera o propio Castillo algo semellante hai anos no seu libro
La alternativa cristiana. O problema máis grave é que cando a xente se vai das
igrexas, estas, en vez de pensar, reflexionar e ser capaces de alumbrar unha
resposta nova, séntense ofendidas e reaccionan atacando: aos que se botan fora
e aos que se quedan dentro, pero críticamente. En cambio, a cada vez maior
irrelevancia das Igrexas no mundo actual impón unha reflexión creativa e
esperanzada; porque o máis irrelevante é precisamente o seu estancamento
institucional (mentes, teoloxía, formas, organización premodernas…).
Marcel Légaut, un leigo que fixo boa teoloxía, dixo con contundenecia:“A
mediocridade dos ambientes cristiáns é un síntoma do fracaso da Igrexa”. Esta
mediocridade dos ambientes e da maioría das persoas é evidente, a pesar do
milagre e a revolución do Vaticano II. Unha mediocridade, sen dúbida, da que é
particularmente culpable a xerarquía, por fomentar máis a ortodoxia da doctrina e
o culto que a ortopraxis da vida e a vivencia persoal da fe, a disciplina máis que o
pensamento, as devocións máis que unha espiritualidade fonda, unha moral
sexual estricta máis que a aposta decidida pola xustiza…
O presente e o futuro xa lle están pasando factura a Igrexa por este autoritarismo,
por este modo dictatorial e cheo de suficiencia de exercer o papel da autoridade
na Igrexa.
“Séculos de conservadurismo e preocupacións máis políticas que relixiosas,
disimularon e levaron cada vez máis a unha pobreza humana, aínda que no
pasado estivera tapada cunha asistencia regular ao culto e cunha moralidade
bastante xeralizada… devocións fáciles… Só se os cristiáns saben seguir como
discípulos no camiño aberto por Xesús, poderán remediar esta impreparación e
autosuficiencia que suporía para o cristianismo a súa derrota final… Demasiado
tempo o cristianismo limitouse a cifrar a súa acción na animación dun auditorio
mudo e pasivo, crédulo e sen espírito crítico, que quedou nun estadio infantil…
Non poderá sair airoso da mutación que o salvaría da morte, sin que os seus
membros, considerándose verdadeiros discúipulos de Xesús… se esforcen por si
mesmos en avanzar cada vez máis no coñecemento do ser íntimo de Aquel do
que o cristianismo perpetuou… o recordo vivo”.
Marcel Légaut contrapón moi adecuadamente as relixións de autoridade á relixión
da chamada. As relixións de autoridade están marcadas polos costumes dos
pobos nos que reinan; costumes que elas mesmas van conformando… Dan
reglas de vida adaptadas ás posibilidades materiais e impoñen as súas lei no
nome da autoridade divina, na que se din fundamentadas. Piden unha adhesión
de tipo colectivo. Por iso, non axudan á maduración das persoas, pois
mantéñense gracias ao amaestramento colectivo dos membros.
Consecuentemente acaban deixando desértico “aquel fondo de humanidade do
que cada un podería extraer a súa personalidade”, aínda que as máis
evolucionadas esbocen nos fieis unha primeira interioridade, di moi ben Marcel
Légaut. Por iso, aínda que no seu primeiro momento puideron ser innovadoras,
en canto se instalan socialmente son necesariamente conservadoras a tódolos
niveis.
Estas relixións están condenadas a desaparecer “pois acaban sendo un
impedimento para os seus fieis e que as sociedade avancen nun
desenvolvemento humano máis persoal”. De feito, salvo que se permaneza nun
infantilismo, non hai ningunha doutrina que poda ser comprendida e que teña que
ser aceptada da mesma maneira por tódalas persoas. A medida que as persoas
van sendo máis cultas e máis conscientes, unha doutrina imposta a todos por
unha relixión de autoridade non pode recibir lexítimamente deles máis que unha
aceptación xeral, verbal e imprecisa. Se a relixión pretende esa adhesión fará que
os seus adeptos permanezan “no exterior das súas vidas profundas”, como di
Légaut, que aínda engade algo máis grave: “A lei imposta por unha relixión de
autoridade é espiritualmente homicida… O home que de verdade está vivo busca
para atopar; pero elas xa atoparon e non teñen que buscar”. É evidente que a
estas relixións fáltalles fe nas posibilidades espirituais dos seres humanos; por
iso, limítanse a utilizar os seus instintos gregarios, apoiándose sobre a súa
pasividade e a súa credulidade, polo que levan á superstición máis que a unha fe
persoal e confiada. “Non aprecian o valor do ser humano en si mesmo –di Légaut–
… Ignoran que non abonda con moldear as persoas por fóra, compre chamalas
por dentro á tarefa da súa propia creación”.
En troques, as relixións de chamada baséanse nunha acción que tenta “despertar
na persoa a sí mesma, esforzándose por sacala non só do seu entumecemento
espiritual, senón tamén dun infantilismo relixioso, para chegar a un encontro de si
mesmo, chamandoo a unha actividade de creación e transformación do mundo”
máis aló das limitacións e a disciplina, por iso nunca queren un somentemento
servil.
A relixión de chamada supera e realiza plenamente o que puideron iniciar
positivamente as relixións de autoridade no pasado. Contrariamente coa relixión
de autoridade, está sempre en perpetua construcción, como unha obra sempre
inacabada. A unidade das persoas e das comunidadees vaina facendo o Espírito,
non a disciplina. “A súa interna cohesión é enxendrada a través da converxencia
dos diversos camiños persoais, na vía da fidelidade á chamada… e así vaise
erguendo unha estabilidade fundamental”. Exténdese por contacto individual,
pola influencia persoal e polas resposta de ambos. Por iso xeneran unha fe
persoal e comunitaria a un tempo.
Desde o comezo, o cristianismo foi unha relixión de autoridade para os que non
coñeceron persoalmente a Xesús; ao comezo, esa autoridade era só o testemuño
dos discípulos, pero logo converteuse en imposición, cando a Igrexa chegou a ser
a relixión oficial do imperio.
No que respecta ao Mestre nazareno, Xesús falaba con autoridade, pero cunha
autoridade interior que era proposta a través da súa persoa; non quería
impoñerse artificialmente, senón ser buscado persoalmente. Porque Xesús era a
autoridade en persoa, que buscaba que a xente se abrise a si mesma; buscaba o
seu despertar espiritual… O fundamental era a súa chamada de persoa a persoa.
Por iso, Xesús pasaba entre a xente coma un sementador, máis que coma o
fundador autoritario dunha nova relixión. A autoridade de Xesús dependía da súa
misión, e esta emanaba do seu propio ser: a presencia de Deus no seu eu máis
fondo. Velaí o esencial do cristianismo. Por iso, a herencia de Xesús fai do
cristianismo unha relixión de chamada, aínda que desde o comezo fora tamén
unha relixión de autoridade. É por iso que as Igrexas poden e deben propor a súa
mensaxe a tódolos homes e mulleres, aínda que non a través dunha imposición,
senón a través da comunicación testemuñal do seus membros.
O verdadeiro fundamento da Igrexa de Xesús non pode ser a autoridade exercida
por algúns dos seus membros, senón a chamada sentida cada día desde dentro
de cada un dos bautizados e discípulos. Máis aínda, a Igrexa, o cristianismo, só
ten futuro desenvolvendo a súa dimensión de chamada.
Pero non podemos esquecer que a coexistencia dunha relixión de autoridade coa
relixión de chamada é algo característico do cristianismo. Por iso, o cristianismo
é, en acertadas palabras de Légaut: “Relixión de autoridade por necesidade…
relixión de chamada por esencia, porque está unido indisolublemente a Xesús de
Nazaret… Esta paradoxal coexistencia está estritamente unida á grandeza do ser
humano e á natureza de Deus… Isto fai que sexa necesario o imposible para que
o que é subsista”. Isto é o que afirmou tamén Leonardo Boff no seu polémico
libro Igreja, carisma e poder. “A relixión é a fe expresada e institucionalizada; e a fe
é o núcleo e a substancia da relixión”, escribe o seu irmán Clodovis. En efecto, a
fe exprésase sempre na dimensión sociolóxica da relixión e as igrexas. Non
existe nin pode existir o cristianismo puro, o que existe é sempre a(s) Igrexa (s)
como expresión histórico-cultural e obxectivación relixiosa do cristianismo. O
carisma e o poder son necesarios sempre na fe-relixión, pero non excluintes: A
Igrexa carismática, como expresión dunha relixión de chamada, e a Igrexa
autoridade, expresión da necesaria institucionalización que articule esta relixión,
necesitan complementarse para que o proxecto liberador de Xesús poida ir
adiante. Por iso, no futuro, a autoridade e a obediencia seguirán sendo
necesarias, pero o espírito que as anime será, necesariamente, de outra maneira
totalmente distinta, se quere permanecer como proxecto cristián.
3. O futuro da Igrexa é dunha Igrexa nova: a comunidade de iguais no seguimento
de Xesús.
“É a hora de novos paradigmas, novas estratexias, novos valores e actitudes. Son
exigencias para todos nós, que admitimos, entre éxitos e victorias, os desacertos
dos procesos de liberación do século XX e soñamos cun futuro próximo no que
tódolos pobos teñan saciada a fame de pan, e teñan aplacada a fame de beleza,
que, a diferencia da primeira, é insaciable” (Frei Beto).
Paréceme que hai como cinco aspectos fundamentais na Igrexa no futuro, para
que poida permanecer e ser fiel ás súas orixes evanxélicas:
a) A esencia da Igrexa e do cristianismo está en Xesús Cristo.
Dúas frases de dous grandes cristiáns franceses, un clérigo e un leigo,
separados por máis de cen anos: “Coñecer a Xesús Cristo é todo, seguir a Xesús
Cristo é todo” (Antoine Chevrier). “O cristianismo está indisolublemente unido a
Xesús de Nazaret, home de liberdade e de chamada” (Marcel Légaut).
A primeira afirmación fundamental que compre facer é que Igrexa do futuro ten
que volver ao esencial: axudar a que as persoas descubran a Xesús Cristo, a súa
persoa, a súa mensaxe e a súa praxe de liberación, para comprometerse con ela.
Xesús é unha persoa a redescubrir por cada cristián constantemente,
pacientemente e persoalmente. E iso non pode ser imposto, só pode ser
descuberto.
Se a Igrexa perde a Xesús, perde o esencial. É o mismo que o perda a Igrexa
tradicionalista, que a Igrexa progresista… Parece algo tan fundamental que non
faría falla recordalo, pero non é así. Non tódolos cristiáns e cristiás semellan telo
moi claro; a nivel popular porque moitos confunden un sentimento relixioso xeral
con ser cristiáns (“eu son cristián porque creo en Deus”), e a nivel
“progresista”outros a outros non lles importa trocar a Xesús Cristo por… Shiva.
Pero sin Xesús desaparecerá o cristianismo, aínda que quede unha bonita
mensaxe moral ou espiritual. Compre engadir tamén que a persoa e a mensaxe
de Xesús non se poden circuscribir a unhas leis ou unhas normas relixiosas;
sobre todo cando estas normas acogotan as vidas das persoas, as súas
relacións máis fondas.
Este encontro e seguimento de Xesús Cristo, ademais de que non pode ser unha
gnose, ou coñecemento para saber máis, senón unha movilización da persoa
que ten que levala a unha transformación persoal, debe levar inevitablemente a
un compromiso na transformación do mundo, no xeito que Xesús anunciou de
parte de Deus: o compromiso co Reino de Deus: un mundo de irmáns baseado
na xustiza en paz, sobre todo para os que menos poden.
Isto leva a unha consecuencia que Xabier Pikaza desemnolveu amplamente nun
libro fundamental: o cristianismo xa non pode tentar ser un sistema contra outro
sistema, senón que debe buscar levar á xente, humildemente, a súa proposta
alternativa. Se o cristianismo tentara hoxe volver a ser o sistema social, como foi
noutrora, “non cumpriría a súa misión e non merecería sobrevivir máis que en
forma fósil”, porque non pode competir co sistema social no progreso material,
social ou político, di tamén Légaut. En troques, a súa misión está onde a
sociedade manifesta a súa impotencia: esta non pode facer outra cousa que
proporcionar benestar aos cidadáns – e só a uns poucos… comprirá engadir –, pero
sempre será incapaz de darlle interioridade, se non lle esteriliza esa capacidade…
O cristianismo ten a función de axudar ás persoas a que se descubran a si
mesmas e descubran o Misterio de Deus. Por iso, Xabier Pikaza chega a dicir:
"O trunfo do sistema libera as igrexas de tarefas administrativas e sacrais que
viñeron facendo deste antigo… permite liberar ao cristianismo da súa forma
occidental para descubrilo como experiencia de absoluta gratuidade e comuñón…
obriga ás igrexas a buscar modelos de vida cristiá, en clave de liberdade, máis en
consonancia coas institucións do NT… luz da autoridade de Xesús e do NT, hai
que dicir que a Igrexa correu o risco de volverse orde sacral… Nesa liña, moitos
clérigos volvéronse administradores do sistema e da cultura ambientais, máis
que testigos da pascua de Xesús, é dicir contemplativos… Só é sacral para Cristo
o testemuño e o exercicio do amor gratuíto, sempre persoal, de homes e
mulleres".
b) O compromiso cos pobres ten que marcar a praxe e a reflexión da Igrexa.
Isto, en primeiro lugar, pola sinxela razón de que os pobres son hoxe a meirande
parte da humanidade. Pero, ademáis, porque o Evanxeo é, sobre todo una Boa
Nova para os pobres (Lc 4); por iso, esta aposta significa que a Igrexa debe
descubrir e vivir a centralidade do pobre como lugar teologal e aínda principio
teolóxico fundamental na súa mesma reflexión teolóxica, ir a eles e descubrir a
entraña do Evanxeo con eles, para chegar a converterse principalmente en Igrexa
dos pobres. Esta correlación entre Deus e os pobres é o que a Teoloxía da
Liberación chama “principio xesuánico”, que ven significando algo moi sinxelo,
pero de consecuencias revolucionarias:“Deus ama e defende ao pobre polo mero
feito de selo”.
Como recorda repetidamente Jon Sobrino, o “eu-aggelion do mercado” coloucou
ao mundo contemporáneo nunha situación mundial das máis aberrantes da
historia: o 20% da poboación rica posúe o 86% do PIB dos mercados mundiais, e
aínda esa riqueza dos ricos está, sobre todo, nas mans duns poucos, que, por
riba, ¡son aplaudidos por iso! Para máis aberración, en 80 países a renta é hoxe
inferior á de hai unha década. Segundo o Consello Económico e Social da ONU
nos últimos 25 anos duplicouse o número de pobres no mundo: en 1960 a
relación entre ricos e pobres era de 1 a 30, en 1990 de 1 a 60 e en 1997 ¡chegou
a ser de 1 a 75! É unha realidade que nos sobrepasa, e que manifesta un
verdadeiro “fracaso da humanidade”, fracaso particular dos cristiáns, señores do
mundo. Un “insulto para os pobres” e unha “cegueira tranquilizante”e
escandalosa para os que estamos nos países ricos.
Por iso, Jon Sobrino e os teólogos da liberación repiten, con razón, que a Igrexa
do século XXI ten que volver aos planteamentos abandonados de Medellín e a
Teoloxía da Liberación, que ofreceu un cristianismo que era realmente boa nova
para os pobres: “A nosa Igrexa e o noso mundo necesitan imperiosamente da
Igrexa dos pobres que xurdiu en Medellín, porque o noso mundo é un mundo de
pobres. Os que viven na abundancia son unha excepción”. Fronte a un
rexeitamento disto como utopía ilusa, esta teoloxía afirma hoxe, con moita razón,
que a Igrexa dos pobres foi real algunha vez, por iso pode volver a ser real, se se
alimenta dunha determinada fe cristolóxica e eclesiolóxica; esta é unha fe
elaborada desde abaixo, desde o seguimento de Xesús nas Comunidades
Cristiás de Base, que tiveron nos anos setenta-oitenta unha creatividade
desbordante.
Compre engadir, que é esta aposta polos dereitos dos pobres a que debe marcar
fundamentalmente os principios morais e a praxe moral da Igrexa, máis que a
obsesión por unha ou outra conducta sexual, superando esa fixación da moral
dos católicos en cuestións sexuais, algo moi relativizada e mesmo practicamente
ausente no Evanxeo. A Xesús de Nazaré non lle preocupaba tanto a conducta
sexual da xente, cando a xustiza para os oprimidos. Ademais, esta sexualidade
debe ser valorada positivamente, como parte integrante do ser humano querido
por Deus, para ser vivida con gozo e non con culpabilización, no marco do amor. E
nisto, a Igrexa ten que cambiar moitos para transmitir unha mensaxe de ledicia e
de esperanza e non de condena e negativismo.
c) A Igrexa debe ter en conta non só a Xustiza e a Paz entre os homes e as
mulleres do planeta, senón tamén a harmonía con toda a Creación.
Cómprelle á Igrexa unha visión que vaia máis aló do antropocentrismo
exclusivista, para chegar á harmonía con todo o creado. Como ben soubo reflexar
L. Boff, o grito da terra é parello ao grito dos pobres, que claman pola súa
liberación.
Na Conferencia ecuménica de Seúl en 1990 (“Cara a unha alianza pola xustiza, a
paz e a salvagarda da creación”), o cardeal Kim, arcebispo católico desa cidade,
coñecido polo seu compromiso a prol dos dereitos humanos, dixo: "Se tan só
todas estas igrexas nos unisemos na busca da xustiza e a paz, na nosa
sociedade e no mundo, se tan só puxesemos tanta enerxía para promover o
respeito da natureza como a que poñemos para facer andar as nosas
organizacións eclesiásticas, creo que o Reino de Deus non estaría lonxe". Neste
espírito, o documento de Seúl recolle un decálogo de afirmacións fundamentais:
1. Afirmamos que cómpre dar conta a Deus de todo exercicio de poder.
2. Afirmamos a opción de Deus a favor dos máis pobres.
3. Afirmamos o mesmo valor de tódalas razas e de tódolos pobos.
4. Afirmamos que homes e mulleres son imaxe de Deus.
5. Afirmamos que a verdade é o fundamento dunha comunidade de seres libres.
6. Afirmamos a paz de Xesús Cristo.
7. Afirmamos que toda a creación é benquerida por Deus.
8. Afirmamos que a terra é do Señor Deus.
9. Afirmamos a dignidade e o compromiso da xeración nova.
10. Afirmamos que os dereitos da xente son un regalo de Deus.
d) A nova Igrexa deberá ser unha comunidade de bautizados e iguais.
A Igrexa debe ser realmente o que a teoloxía feminista chama a “ekklesía das
mulleres” … e tamén dos homes: unha comunidade e discipulado de iguais no
seguimento de Xesús, convocados polo seu bautismo. Na Igrexa fálase moitas
veces nos últimos tempos da dignidade igual de tódolos seus membros, pero
isto é unha mentira, e segue a manterse a desigual dignidade entre xerarquía e
pobo, como noutrora. En troques, a Igrexa debe ser a Igrexa dos os bautizados:
leigos/as-clérigos/as. Estes e estas as poderán e acaso deberán cumplir un
papel importante nela, pero sempre desde a igualdade, mesmo desde o igual
dereito de homes e mulleres a acceder ao ministerio ordenado e as distintas
responsabilidades na comunidade. É o bautismo e non o ministerio o que forma
a comunidade-pobo de Deus. Por iso, é o bautismo, asumido como chamada a
participar no proxecto de Xesús, o que da o dereito a cada bautizado a participar
plenamente nos procesos de decisión da súa Igrexa, co-responsables para facer
o que fixo Xesús:"levarlle a Boa Nova aos pobres e a liberación aos cativos” (Lc 4).
No evanxeo de Marcos (Mc 3,31-35), Xesús propón unha comunidade alternativa a
comunidade xudea, unha comunidade circular que se organiza arredor seu. Unha
comunidade caracterizada “pola inclusividade, a circularidade, a posibilidade
equidistante de acceso a Deus a través de Xesús e a redefinición das relacións
afectivas primarias”.
e) Finalmente, unha Igrexa con perspectiva ecuménica.
O diálogo interconfesional e interrelixioso é unha das necesidades máis urxentes
da Igrexa do futuro. Por iso escribiu H. Küng a súa coñecida tese: “Non hai
supervivencia sen unha ética mundial; non hai paz mundial sen paz relixiosa; non
hai paz relixiosa sen diálogo entre relixións”. A actual situación mundial corrobora
a tese do teólogo suízo…
Sempre comprirá ter en conta, para que isto sexa verdade e non unha falsa
aparencia, que o verdadeiro ecumenismo supon achegarse ao outro, superandoi
a eterna tentación de querer conquistalo.
4. Somos Igrexa, ¿o futuro da Igrexa Católica?
O pesimismo e o "pensamento único" (que nos quere convencer de que hoxe xa
non hai máis ideoloxía viable que a ideoloxía neoliberal e o sistema económico
de mercado total; coma o letreiro que o Dante puxo na porta do inferno:
"abandonar toda esperanza" en calquera utopía de cambio transformador) foron
creando dentro e fora das igrexas a "síndrome NNA": “Non hai Ningunha
Alternativa”.
Este pensamento tamén está particularmente metido na Igrexa, onde un
pretendido "realismo" esterilizante impide a moitos seguir apostando pola utopía
do Reino de Deus que anunciou o Mestre de Nazaret. Afortunadamente, o que é
un rotundo fracaso é precisamente a pretensión de impor un "pensamento único";
e na Igrexa, a pesar dos medos esterilizantes e dos cansazos paralizantes,
xorden constantemente aquí e acolá movementos libres que manifestan a
liberdade do Espírito que sopra onde quere e como quere. "Onde está o Espírito
de Deus alí hai liberdade", vida e esperanza; esa esperanza activa nunha vida en
liberdade e xustiza é o único antídoto contra a paralizadora síndrome NNA.
O Movemento Internacional Somos Igrexa é o antídoto máis forte que naceu nos
últimos anos contra esta síndrome paralizante que tamén infectou aos cristiáns.
Un movemento eclesial (de dentro da Igrexa) capaz de ir aglutinando numerosas
organizacións e redes locais ou internacionais que queren renovar a vida da
Igrexa, porque contrariamente aos seus acusadores están… ¡convencidos de que
a Igrexa aínda ten moita vida!
Tendo presente e sabendo aproveitar a revolución nas comunicacións nos anos
90, un dos meirandes logros desa plataforma renovadora da Igrexa foi crear un
espacio de comunicación libre, democrática, descentralizada, descolonizadora e
rápida entre os católicos e cristiáns de todo o mundo que apostan confiados por
un cambio da Igrexa desde a base. A través do espacio libre de Internet
crebáronse os estreitos límites localistas das igrexas e a información relixiosa e
social filtrada polos medios que están suxeitos ó poder. Por iso, os
coordinadores de Somos Igrexa recoñecían hai uns anos nun documento
difundido pola rede:
"Gracias a tecnoloxías novas coma o e-mail, dispomos de posibilidades inauditas
para dialogar sobre a nosa Igrexa e o seu liderado, non só como grupos
nacionais, senón tamén como comunidade internacional de fe e esperanza.
Podemos falar en moitas linguas sobre o futuro da nosa Igrexa e sobre as
maneiras en que a nosa comunidade de fe e os seus líderes podan ser máis
fieis ó Evanxeo".
Esta plataforma pode ser unha ocasión excepcional para vivir a verdadeira
catolicidade e unha aposta ecuménica seria da Igrexa, e, de paso, aprobar a súa
asignatura pendente coa modernidade, se a xerarquía ollara para ela con amor
dialogante e deixara de botarlles enriba os cancerbeiros da ortodoxia esterilizante,
que, esquecendo aquelo de "o sábado é para ó home e non o home para o
sábado", andan a "previr" aos católicos do "perigo de chegar a contaxiarse a
través de Internet" e demais medios de comunicación. Pode que, a pesar dos
medos duns e a miopía de outros, o berro Somos Igrexa se vaia convertendo
nunha canle para a forza transformadora do Espírito, e troque a síndrome NNA en
esperanza dunha vida nova que non sexa só para o outro mundo.Só a esperanza
transformadora pode neutralizar a síndrome NNA e tódalas síndromes
paralizadoras na Igrexa e na sociedade. Así falou recentemente Pedro
Casaldáliga de Somos Igrexa:
“Somos Iglesia es una "movimentación" a lo largo y ancho de toda la Iglesia de
Jesús, que son las varias iglesias que profesan su nombre y anuncian su Reino.
Nunca como hoy, diferentes sectores de la Iglesia, y concretamente el laicado,
han sido tan libres y creativos, tan adultos y corresponsables en la lectura bíblica,
en el pensamiento teológico, en la liturgia, en los ministerios, en las pastorales,
en la acción social…Están creciendo, en el mundo, un clamor y ya una acción en
torno a un verdadero proceso conciliar; que continúe y actualice y amplíe el
Vaticano II; que responda a las grandes urgencias eclesiales y a las grandes
expectativas de la Humanidad, hija de Dios”.
O Movemento Somos Igrexa difundiu nestes ultimos anos varios documentos.
Salientamos cinco: Documento fundacional "Manifesto ao pobo cristián. A reforma
que desexamos". "Dores de parto dunha Igrexa para o terceiro milenio". "Un Papa
para o tempo que despunta". "Declaración do Sínodo do Pobo de Deus", “Chamamento a favor dun Proceso Conciliar, coa participación activa do Pobo de
Deus”
1) Documento fundacional "Manifesto ao pobo cristián: A reforma que
desexamos".
O Manifesto ou “Petición” xurdiu a mediados do ano 1995 en Austria, que padecía
unha vaga de integrismo xerárquico mal aturado polo pobo cristián. Naceu un
documento no que en cinco puntos se facían unhas reivindicacións que pronto
foron firmados po medio millón de persoas. Os cinco puntos viñan afirmar:
1. A construcción dunha Igrexa máis fraterna, na que poidan participar tódolos crentes nas decisións importantes, superando o abismo entre cregos e leigos.–
2. Plena igualdade de dereitos da muller, particularmente no acceso ó diaconado
e o misterio sacerdotal.
3. Libre elección dos curas para casarse ou non casarse.
4. Valoración positiva da sexualidade como parte integrante do ser humano
querido por Deus, superando a fixación da moral en cuestións sexuais, para
acentuar outros temas como os dereitos dos pobres, a xustiza, a paz e a defensa
da natureza.
5. Mensaxe de ledicia en lugar de mensaxe de esperanza, con máis comprensión
para as persoas en situacións difíciles na Igrexa.
Poucos meses despois, case dous millóns de firmas se viñeron sumar a estas
en Alemania. De aquí pasou a Suíza e Italia, e logo a Bélxica, Francia, Holanda,
Inglaterra, Irlanda, Chequia, Hungría… logo navegou ata Canadá e Estados
Unidos, para estenderse por países de América Latina (Brasil, Venezuela,
Colombia, Bolivia, Chile, Nicaragua…) frica (Kenya, Surafrica…) Asia (India,
China…) e Oceanía (Nova Celandia, Australia…) facendo unha inmensa e
imparable bola que xa non é unha cousa de catro progresistas centroeuropeos,
senón dos cinco continentes.
En Portugal e España non tardou en acadar tamén un eco. Con todo, en España o
avance da plataforma veu sendo lento. Escepticismo por antigos fracasos, falla de
dinamismo nas persoas e as comunidades, falla de vontade de apoio; mesmo
por parte de xente que non tiña por que sentir receo dunha corrente que quere
moverse claramente dentro da realidade da Igrexa, con liberdade e propostas
renovadoras, pero no respeito da súa fe e da importancia dos ministerios na
Igrexa. Tamén atrancos, censuras, ameazas e … medos; consignas e mesmo un
certo boicot descualificador, particularmente nalgúns medios de comunicación da
Igrexa. Inflúe moi especialmente a falla de coñecemento e apoio nas parroquias,
células básicas da estructura eclesial, porque os párrocos ou descoñecen ou non
ousan falarlle dela ós seus fregueses, aínda que estean en privado de acordo.
En Galiza tivemos pronto noticia do Manifesto e fíxose no ano 1996 unha boa
recolleita de firmas que foron enviadas a Madrid. Tras da ralentización do proceso
ulteriormente, de novo retomouse o espírito de Somos Igrexa, e os sectores máis
renovadores da Igrexa galega empezamos a reflexionar sobre el e a darlle máis
publicidade, sobre todo nas revistas Encrucillada e Irimia. A reflexión deu como
resultado a elaboración dun novo punto sobre a "Inculturación da Igrexa nos
pobos do mundo". Un punto que reflectira algo urxente para moitos pobos, como
é o caso galego: a súa identidade étnica e a necesidade de que o Evanxeo se
enraíce na cultura e a lingua de cada pobo. Do contrario, o documento adoecería
de eurocentrismo, pecado capital por ter nacido en Centro Europa e non en frica,
Asia ou América Latina.
Non nos pareceu unha cuestión sen importancia, senón unha necesidade urxida
da lei de encarnación do cristianismo, que esixe que toda actuación cristiá se
faga carne entre as xentes e o territorio no que se desenvolve; sobre todo cando
se trata dunha cultura minoritaria, ameazada pola cultura dominante, pois está en
xogo o privilexio dos pobres. Fronte ó imperialismo das culturas e linguas
dominantes (inglés, español ou alemán), as linguas minoritarias adoitan ser o
reducto dos pobres ou dos que apostan pola súa causa. Iso en Galicia resúltanos
clarísimo, o galego é a lingua que mantén o pobo humilde, secularmente
agraviada, anque nos últimos tempos fora aproveitada polos medios do poder
nun esforzo por granxearse a amizade dos que sempre denigraron, coa
conivencia da Igrexa. En 1998 o berro "Somos Igrexa" xuntou a miles de romeiros
neses encontro popular da Igrexa galega que ano tras ano quere unir fe e
identidade galega, tradición e renovación; foi a XXI Romaxe de Crentes Galegos.
O Manifesto ampliouse despois, dando lugar a un novo Documento de dez
puntos:
Como cristián/a comprométome a seguir construíndo:
1. Unha Igrexa solidaria e testemuñalmente pobre, seguidora da mensaxe de
Xesús e comprometida coa liberación dos empobrecidos, oprimidos e excluídos
do mundo.
2. Unha Igrexa de irmáns e irmás na que as mulleres e os homes teñamos a
posibilidade de acceder en igualdade de dereitos a calquera ministerio ó servicio
das comunidades.
3. Unha Igrexa participativa e democrática na que todos e todas, por medio das
igrexas locais, poidamos participar na elección dos nosos ministros e ministras.
4. Unha Igrexa na que o celibato sexa o froito da libre elección persoal, sen que
constitúa norma de obrigado cumprimento para nada, nin para ninguén.
5. Unha Igrexa na que a sexualidade se valore de forma positiva, como unha
dimensión importante do ser humano, aberta nas súas diversas posibilidades e
expresións; e que recoñeza a capacidade de decisión sobre a base da conciencia
persoal.
6. Unha Igrexa que non ameaza, nin exclúe a ninguén, acolledora e comprensiva,
cunha mensaxe baseada no Amor de Deus ós seus fillos e fillas, na gran
chamada a vivir en comunidade e construír a fraternidade.
7. Unha Igrexa comprometida coa defensa da Natureza, Creación de Deus, no
respeito ó medio ambiente.
8. Unha Igrexa multicultural e inculturada na que a diversidade de imaxes,
linguas e expresións da fe nos enriquecerán a todos e axudarán a atopar novos
camiños para achegarnos a Deus.
9. Unha Igrexa comprometida co ecumenismo e nun proceso de encontro con
outras relixións nas que tamén se nos revela Deus.
10. Unha Igrexa aberta a traballar con outras persoas e grupos sociais que,
aínda partindo de concepcións diversas, nos encontremos sinceramente na loita
pola xustiza social, a paz, a liberdade e a felicidade para tódolos seres humanos.
Entre o 10 e o 12 de Outubro de 1998 Somos Igrexa tivo un encontro internacional
en Roma para conmemorar o 35o Aniversario da apertura do Concilio Vaticano II,
que significou o meirande cambio na Igrexa católica nos últimos séculos. Nese
"Incontro Internazionale del Popolo di Dio" participaron case medio milleiro de
delegados e delegadas dos distintos países. Fixérono simbolicamente na
basílica de San Paulo "extramuros" para orar e para celebrar unha fermosa
eucaristía. En xullo de 1999 Somos Igrexa organizou en Roma o Forum Europeo
de Católicos (FEC), que fixo unha declaración final cristalizada nun fermoso
Credo: “Camiñando construímos e somos Igrexa”.
2) "Dores de parto dunha Igrexa para o terceiro milenio"
Un documento aparecido no ano 2000, tráenos unha completa información sobre
a presencia da plataforma renovadora nos distintos países e pobos do mundo.
Os nomes do movemento en cada país son tremendamente expresivos. Desde a
pioneira austríaca Plataforma Nós Somos Igrexa co seu "Chamamento ó Pobo de
Deus", ou o tirolés Por unha Igrexa máis humana, e o belga Por unha Cara
diferente da Igrexa e a Sociedade, ata o sinxelo nome dos norteamericanos,
ingleses e irlandeses: We Are Church ("Nós somos Igrexa"), que asumiron
literalmente traducido os irmáns de Portugal e Brasil: Nós Somos Igreja, e o máis
sinxelo dos españois e sudamericanos: Somos Iglesia-SI, que asumimos no
galego Somos Igrexa.
3) "Un Papa para o tempo que despunta. Bispo de Roma e Pastor Universal".
Este documento veu a luz con ocasión do vinte aniversario do actual papa polaco,
céntrase na idea do Papa que queremos para o terceiro milenio. Co que se
manifesta que se acepta o que pode representar a súa figura, igual que se
manifestou anteriormente o valor do ministerio sacerdotal –renovado-. Afírmase
aquí que se quere un líder capaz de ler os signos dos tempos co seu pobo, que
recoñeza particularmente o espertar das mulleres e o seu dereito a ser
chamadas ó ministerio, e igualmente o dereito de mulleres e homes a exercer
ese ministerio como célibe ou casado. Un papa respectuoso coas conciencias
dos católicos/as e que impulse un verdadeiro diálogo teolóxico para promover
unha sa diversidade de opinión na Igrexa. Un papa que saiba recoñecer a
pluralidade cultural dos cristiáns e a necesidade de inculturar a fe nas diversas
realidades nas que se vaia enxerindo. Un pioneiro que invite a tomar iniciativas
que axuden a un desenvolvemento adulto da fe e a responsabilidade de tódolos
fieis da Igrexa, cunha clara e sincera aposta ecuménica. En fin, un líder que saiba
ser verdadeiro profeta incansable na promoción da igualdade, a paz e a xustiza
para os pobres.
4) "Declaración do Sínodo do Pobo de Deus".
Dado en Roma, en outubro de 2001, con ocasión do Sínodo dos bispos reunido
tamén na cidade eterna.
5) “Chamamento a favor dun Proceso Conciliar, coa participación activa do Pobo
de Deus”.
Unha chamada para un concilio verdadeiramente protagonizado polo pobo de
Deus, non só polos bispos, en Setembro 2002 en Madrid.
Algúns apuntamentos que debe ter en conta Somos Igrexa e tódolos movementos
renovadores na Igrexa para poder ser hoxe realmente alternativa de futuro.
1) Non existe nin pode existir o cristianismo puro, o que existe é sempre a Igrexa,
como obxectivación relixiosa do cristianismo, coa súa organización e o seu
exercicio de poder, aínda que un poder exercido realmente domo servico, na
escoita de todo o pobo de Deus. Como se dixo máis arriba, o carisma e o poder
son necesarios sempre na fe-relixión, pero non excluintes.
Hans Küng, pouco despois de que o Vaticano lle retirase as licencias para
ensinar como teólogo católico a na Facultade de Tubinga, e ante os moitos
estímulos que recibíu para que se botase fóra da Igrexa, escribiu un fermoso
artigo no que daba razón de por qué permanecía na Igrexa. A súa razón
fundamental resumíaa dicindo "porque son cristián" e debullábaa en oito razóns–
experiencias:
(i) Porque na Igrexa comunidade de fe, asume e acolle unha gran
historia da que vive, que lle dá vida.
(ii) Porque el é Igrexa e non quere dimitir confundíndoa co seu aparato e a súa administración.
(iii) Porque na Igrexa ten a súa patria espiritual.
(iv) Porque lle está agradecido pois é moito o que recibiu dela.
(v) Porque non lle gustan as alternativas que se lle presentan: individualismo
ou outra institución que tarde ou cedo reproducirá semellantes erros.
(vi) Porque non cre na Igrexa utópica ideal senón na transformación da que hai.
(vii) Porque ama á Igrexa como é e tamén como pode chegar a ser.
(viii) Porque Xesucristo convenceuno coa súa causa e a Igrexa, malia as súas infidelidades segue sendo representante da causa de Xesús.
2) Necesidade de asumir os distintos niveis de "sermos" Igrexa:
(i) Nivel de
usuarios. Os clientes, tanto os ocasionais en actos relixiosos, as masas que
viven a súa propia relixiosidade de caracter popular, como os clientes das
parroquias e santuarios.
(ii) Nivel de escola. Partícipes dunha certa sabedoría
sobre a vida e sobre Deus.
(iii) Nivel de pertenza. Asociados, unhas veces máis
conscientes e outras inxenuos pero sinceros; ás veces críticos serenos e non
amargados; ás veces críticos e receosos cunha pertenza que resulta difícil; ás
veces como membros satisfeitos e agradecidos, sanamente orgullosos incluso,
como cando nos emocionaron Oscar Romero ou Casaldáliga; ás veces, incluso,
trátase dunha pertenza crucificada que coñece a inquina, a maledicencia, a
represalia, a incomprensión, a excomunión teórica ou práctica de tipo agresivo.
(iv) Nivel de militancia adulta e de fidelidade. Sermos apóstolos activos, como
realmente quixo Cristo, como precisa a sociedade e como a Igrexa nos pide.
Suxeitos activos que asumen e reclaman sen complexos, e con normalidade
responsable, obrigas e dereitos, e tarefas, como desde hai tempo están facendo
os movementos laicais. Fieis de permanencia contrastada por unha vida en
Igrexa e coa Igrexa.
Xesús viviu o proxecto do Reino nunha doble dinámica:o pequeno grupo e o gran
grupo, a pesar de que sospeitara que a masa o podería abandonar en calquera
momento… os máis pobres están moitas veces precisamente nesa xente con
pouca capacidade organizativa e protagonista, pero que teñen dereito a ser
integrados nas decisións na medida en que queiran e saiban.
É por iso, que as parroquias seguirán existindo como referencia fundamental
para a meirande parte dos cristiáns, aínda que deban existir grupos máis
conscientes e creativos de formas novas de ser Igrexa, de xeito máis participativo,
comunitariao e laical.
3) Un estilo de facer Igrexa verdadeiramente democrático-comunitario, acolledor e
respeituso. Sen loitas polo poder e polo control, pois isto rematou afogando
numerosos movementos renovadores na historia da Igrexa, convertíndoos
naquelo mesmo que querían cambiar… É o perigo de un tipo de
institucionalización que acabe reproducindo a dialéctica do amo e o escravo da
que fala Hegel: os escravos reproducen a ideoloxía do amo en canto acceden aos
mesmos postos de poder.
4) Ante as tensións entre os grupos progresistas, camiñar cara a un equilibrio
entre os máis volcados cara a “cuestión social” e os máis volcados cara a
“cuestión eclesial”, buscando a necesaria complementriedade entre o cambio
social que necesita toda a sociedade e o cambio eclesial que precisa
urxentemente a Igrexa. Pero sabendo estar sempre en garda fronte ao perigo de
que os grupos eclesiais de reforma da Igrexa se polaricen nas cuestións
internais eclesiais, e, corrompidos pola ideoloxía liberal, esquezan as cuestións
sociais. En definitiva, esquecendo aos pobres, que deben ser o lugar teolóxico
fundamental da Igrexa, para o encontro co Deus vivo e o proxecto do Reino.
5. Un apunte sobre a Igrexa galega e española.
a) O sociólogo Bernardo García Cendán facía na revista Encrucillda (no 121,
xaneiro 2001) unha análise crítica da Igrexa galega na entrada do novo milenio.
Salienta en primeiro lugar o “desequilibrio anómalo” entre as actividades de
planificación diocesana e as da base, sobre todo a parroquial. En gran parte dos
casos, as comunidades parroquiais resultan ben incapaces de ser realmente “luz
do mundo e sal da terra”, como pedía o Mestre, e só lles queda que non lles
apaguen a “chama que aínda fumega”(Is 42,3). Gran parte dos líderes clericais
séntense cansos e impotentes –entre outras cousas por ir vellos-, reaccionando
escéptica ou negativamente ante os “planos de ilusos entusiastas”que lles
chegan dos colectivos diocesanos, as veces ben activos e máis creativos ca eles.
Nalgunhas ocasións non sen certa razón e noutras por aquelo da raposa e as
uvas, que, como non lles chegaba, reaccionara dicindo: “Non as quero, están
verdes”. E os leigos, aínda que formen grupos máis animosos, en moitos casos
tampouco chegan a ser moi creativos, e están pouco conectados cos
planificadores, que veñen a ser coma os creativos das empresas, aínda que con
menos eficiencia na filosofía da xestión.
Polo que respecta á vida dos grupos, movementos e comunidades base, fala o
experto da “comechón de ansiedade” que padecen, sobre todo por non chegar de
xeito máis a longo prazo aos mozos, desinteresados mesmo polas propostas
máis avanzadas. Os máis progresistas destes grupos están en torno áos grupos
galeguistas: As revistas Irimia e Encrucillada aglutinan e serven de enlace a
diversos grupos e comunidades. Dous encontros anuais resultan especialmente
salientables neste momento: A Romaxes de Crentes Galegos, romería popular
que celebra este ano 2002 as súas vodas de plata e convoca cada ano entre
cinco e seis peroas de toda Galiza. E o Foro Relixión e Cultura en Galiza, de
caracter máis reflexivo e intelectual, aínda que quere ser sempre profundamente
vivencial, adoita convocar entre trescentas e catrocentas persoas. A Asemblea de
Crentes Galegos, ten vocación coordinadora dos diferentes grupos renovadores
da Igrexa.
Do lado dos grupos máis informais, están as Comunidades Cristiás de Base,
Comités Oscar Romero, Mulleres Cristiás Galegas, Relixiosas no mundo rural,
Encontros no Adro, Pasantías Teolóxicas, Escola de Espiritualidade, Pascua
Xove, Urca e Dumio (as tres da mocidade); tamén algúns movementos
especializados que aínda quedan dos tempos nos que estaba neles a miltancia
máis preparada da Igrexa (HOAC, Movemento Rural, Movemento Estudantil,
Movemento Junior…). Somos Igrexa ten unha presencia nestes grupos, e participa
nos encontros de enlaces da Corriente Somos Iglesia de España, en Madrid.
Ademais, está o voluntariado parroquial e os movementos diocesanos (o mellor
organizado é o Secretariado de Catequese de Galiza, que coordina as diversas
delegacións diocesanas), os movementos de apostolado organizados desde
diversas congregacións relixiosas, e os novos movementos, de carácter moi
conservador, que foron medrando ultimamente en toda a Igrexa: Camiño
Catecumenal (os “Kikos”), Movemento Carismático e o rexurdido movemento de
Cursiños de Cristiandade, Opus Dei e (con menos implantación) Comunión e
Liberación …
Como indicaba antes, sen desmerecer o labor dos grupos extraparroquiais,
penso que, onde é posible… as parroquias deben ser centro aglutinador da vida
cristiá comunitaria, nas que eses outros grupos poden e deben colaborar, e
cumprir aquelo da roda pequena que fai mover a grande, nunha dinámica
minorías-maiorías na que poidan caber, a carón dos grupos selectos máis
comprometidos, os crentes sinxelos que nunca poderán entrar neles, e que
forman parte dos pobres do Evanxeo.
b) Polo que respecta a Igrexa renovadora no resto de España (deixamos aquí o
panorama da Igrexa máis oficial e conservadora) hai un panorama de gran
riqueza e variedade. Conta desde hai décadas con movementos renovadores
fortes non só na capital (Madrid), senón en Cataluña, Euzkadi, Andalucía…
s veces, esta realidade é demasiado un océano de persoas que están en varios
grupos, que aparecen e desaparecen rápidamente; estes grupos están en
diferentes plataformas de coordenación que se interpenetran e solapan de
maneira caótica e anárquica. En liñas xerais, parece que tenden a debilitarse os
grupos que naceron nos anos 70-80, máis polarizados pola cuestión
sociopolítica; en troques, tenden a fortalecerse e organizarse mellor os grupos
máis polarizados pola cuestión eclesial, pola reforma evanxélica da Igrexa.
Somos Iglesia foi un elemento motor e catalizador de todos estes movementos,
respeitando a súa orixinalidade e peculiariedade.
O Congreso de Teoloxía, organizado desde hai máis de vinte anos pola
Asociación de Teólogos y Teólogas Juan XXIII é, posiblemente, o máis importante
foro de reflexión teolóxica (intelecual e vivencial) do movemento renovador da
Igrexa en España. Expresión disto é o amplo número de colectivos, grupos e
publicacións que o apoian, que son unha manifestación bastante completa dos
grupos renovadores de Igrexa
Grupos: Asociación de Teólogos Laicos, Centro "Evangelio y Liberación ",
Colectivo de Cristianos por la Paz, Comités de Solidaridad "Oscar Romero”,
Comunidades Cristianas Populares, Coordinadora de Religiosas en Barrios,
Cristianos por el Socialismo, Iglesia de Base de Madrid, Justicia y Paz, MAS,
MOCEOP, Vanguardia Obrera, Vivarium (Centro de Estudios Intercultural), Jóvenes
Acción Católica (JAC), Juventud Obrera Cristiana (JOC), Movimiento Rural
Cristiano (MJRC), Juventud Estudiante Católica (JEC), Colectivos Verapaz por la
Justicia y la Paz, Comunidades Cristianas de Andalucía, Comunitats Cristianes
Populars, Comité con Zaire y frica Central, UNIS, Comité de Solidaridad San
Atanasio, Comité de Solidaridad con Perú, Grupo de Reflexión Cristiana Fray
Pacifico de Pobladura.
Revistas e editoriais: Alandar, El Ciervo, Exodo, Herria-2000 Eliza, Foc Nou, Iglesia
Viva, Misiones Extranjeras, Moralia, Proyección, Questions de Vida Cristiana,
Razón y Fe, Sal Terrae, Saó, Selecciones de Teología, Selecciones de Libros,
Tiempo de Hablar, Presencia Joven, Frontera, Utopía (Revista de Cristianos de
Base), Encrucillada, Irimia, Militante, Juventud Obrera, Escuela y Utopía,
Trabajadores Unidos (IV), Editorial Trotta, Cuadernos de Fe y Secularidad, Misión
Joven, Editorial Nueva Utopía, E.C.O.E., Concilium, Editorial El Almendro, Editorial
Verbo Divino, Cuadernos de Teología Popular, Sin Fronteras, Sinite, Editorial
Manantial, En Sintonía.
Somos Iglesia chámase en España corrente. Corrente, ou proceso de
converxencia por unha Igrexa renovada entre xente comprometida na
transformación da realidade; mellor que a expresión movemento, pois non quere
ser un movemento máis, senón unha plataforma que pretende aglutinar –sen
entrar en competencia nin pretender eliminiar– a tódolos grupos, movementos,
persoas, comunidades… de acción renovadora na Igrexa, que asuman os puntos
básicos do seu Manifesto. Pedro Casaldáliga adoita definir a Somos Iglesia como
unha "movimentación", máis que movemento. Por iso, S. I. busca o meirande
número posible de lugares comúns de contacto e acción con sectores de Igrexa,
para camiñar nun amplo proxecto colectivo; un proxecto sinxelamente operativo
que non supoña máis burocracia organizativa. Gran parte dos colectivos e
publicacións antes sinalados manifestaron claramente o seu apoio desde o
comezo: (Alandar, Utopia, Exodo, Iglesia Viva, Razón y fe, Sal Terrae, Misión Joven,
Antena Misionera, En frontera, Tiempo de hablar El Ciervo, Focnou, Cristianisme i
justicia…).
Actualmente está embarcado, sobre todo, no “Chamamento a favor dun Proceso
Conciliar, coa participación activa do Pobo de Deus”, que será neste outono e
quere convocar ao meirande número de redes e movementos renovadores da
Igrexa no mundo.
O MEU CREDO
Victorino Pérez. Ferrol, febreiro de 1998
Creo no amor incondicional de Deus Pai-Nai.
Creo que os homes e as mulleres, os animais e as plantas,
a materia inerte e o Cosmos todo
son obra do seu amor xeneroso derramado na Creación,
este mundo non rematado que imos recreando cada día.
Creo que o seu espírito está mergullado nas entrañas da materia
e que desde ela aflorou en nós, os homes e as mulleres,
para facerse materia autoconsciente,
para chegar a sermos interlocutores privilexiados do seu Eu,
para sermos alguén que sente dentro de si o seu Alguén.
Creo na súa "misericordia entrañable",
no seu corazón de Nai infinita
que nos ata con "lazos de amor e cordas de tenrura" (Os 11)
e se abaixa ata a nosa miseria para levarnos da súa man
Creo que o Pai é o Deus liberador comprometido co seu pobo
– tódolos pobos da terra–,
pois escoita cada día as súas "queixas contra os opresores" (Ex 3)
Creo no Deus que loita connosco nas nosas loitas de cada día.
Creo en Xesús Cristo, o Fillo de Deus
metido na nosa carne e na nosa historia,
a encarnación do amor liberador de Deus,
galileo que falaba arameo,
comprometido coa lingua, a cultura
e a realidade dos pequenos
– "os pobres, ignorantes e pecadores" do seu tempo–.
Mestre que falou e loitou, mostrándonos un camiño de vida;
que morreu baixo a opresión dos poderes políticos e relixiosos
e resucitou para a nosa salvación,
abríndonos un camiño de vida para sempre alén da morte.
Creo no Espírito Santo, o Pacificador e Defensor,
a forza de Deus,
o alento de Cristo resucitado,
que nos conduce cara a verdade plena
e nos comunica a forza da súa resurrección.
Creo que o Espírito do Señor alenta á Igrexa
comunidade de irmáns e irmás,
comunidade de iguais,
familia dos seguidores de Xesús onde acollemos a súa mensaxe,
celebramos a presencia de Cristo resucitado,
collemos a forza do seu sacramento
e somos enviados aos pobres e a tódolos que sofren.
E creo na forza da xente, dos amigos/as e compañeiros/as na loita,
e tamén na forza dos homes e mulleres de tódolos pobos da terra
de tódalas linguas, culturas, razas e relixións,
para acoller ao Deus liberador e realizar o seu proxecto.
Principais redes internacionais para a Reforma da Igrexa
– Movemento Internacional Somos Igrexa (IMWAC).
É o grupo coordinador fundamental de Somos Iglesia-We Are Church. A súa
riqueza e amplitude ten o contrapunto de que a gran diversidade de liñas que ten
no seu seno, pode poñer en perigo a súa pervivencia. Recibe diferentes nomes
segundo os distintos países: Somos Iglesia (España; e en Mexico, Perú,
Argentina, Venezuela, Colombia, República Dominicana, Uruguay, Bolivia,
Chile…), Somos Igrexa (Galiza), Som Església (Catalunya), Nós Somos Igreja
(Portugal e Brazil), Wir sind Kirche (Austria. Alemania), Nous Sommes Aussi
l’Eglise (Francia), Pour un autre Visage d’Eglise et Societé (Bélxica), Noi Siamo
Chiesa (Italia), Kerk Hardop (Países Baixos), We Are Church-UK (Inglaterra), We
Are Church-Gui an Phobaisl (Irlanda), Catholics of Vision (Canadá), We Are
Church-USA, We Are Church Coalition (India), We Are Church –New Zeland,
Australians Networking for Reform (Australia)… e tamén en Polonia, Rusia, Kenia,
Tanzania, Sudáfrica, Sri Lanka, Filipinas, Japón…
– Rede Europea de Igrexa en Movemento – Church on the move – European
Network (E.N).
Nesta gran rede coordínanse sobre todo grupos de países do Norte de Europa,
aínda que últimamente tamén empezan a estar presente xente de Portugal,
España e Italia. Conta cunha secretaría e organiza anualmente un encontro para
abordar algunha cuestión monográfica. Prestan moita atención ás cuestións
sociais e, ademais das cuestións de reforma da Igrexa. Ademais doutros grupos
de IMWAC apuntados xa, están: Partenia de Francia, Italia… Fédération des
Réseaux du Parvis-Chrétiens en Liberté (Chrétiens sans frontières, Croyants en
liberté, Eglise en dialogue, Jonas, Evreux sans frontières, Femmes et Hommes
en Eglise, Plein Jour…) e Droits et Libertés dans les Eglises, de Francia, Een
Ander Gezicht van de Kerk e Vlaamse Werkgroep Mensenrechten in de Kerk de
Bélxica, Initiative Kirche von Unten e Initiative Christenrechte in der Kirche de
Alemania, Emmaus Rychnov nad Knesnou da República Checa, Bokor de
Hungria, Catholics for a Changing Church e Living Word Trust de Inglaterra,
Brothers and Sisters in Christ de Irlanda, etc.
– Movemento para a Ordenación da Muller – Women’s Ordination Wordlwide
(W.O.W.).
Aglutina a grupos feministas de Igrexa que persiguen a plena igualdade entre
homes e mulleres para acceder ao ministerio sacerdotal. No seu seo
distinguense dúas tendencias: unha céntrase na cuestión do sacerdocio
femenino, tentando diferenciar este obxectivo de outras cuestións; e outros
grupos tentan plantear a cuestión do sacerdocio femenino dentro dun marco máis
amplo de obxetivos de liberación da muller.
– Católicas polo Dereito a Decidir (C.D.D.)-Catholics for Free Choice (C.F.F.C).
Unha rede de grupos que está presente en diferentes países de América do Norte
e do Sur, así como en Europa. Ten unha visión ampla e integral dos dereitos da
muller e os seus membros son moi activas. Nela hai diferentes sensibilidades e
estratexias: uns grupos apostan máis por un traballo de base, tendendo pontes
con outros sectores eclesiais e sociais, outros grupos teñen unha orientación
máis cara a relación con dirixentes políticos e sociais, medios de comunicación,
donantes económicos poderosos, etc.
– Organizacións Norteamericanas para a Reforma (N.O.A.R.) – Catholic
Organisations for Renewal (C.O.R.).
Un movemento que agrupa a diferentes grupos renovadores da Igrexa
Norteamericana: Call to Action, Catholics Speak Out, Association for Rights of
Catholics in the Church, Save our Sacrament, Future Church, etc.
– Federación Internacional de Sacerdotes Católicos Casados
(F.I.S.C.C. – I.F.M.C.P.).
Presente en máis de trinta países. Conta cunha estructura estable e formalizada.
Dentro dela, cabe destacar a Federación Latinoamericana por una Ministerialidad
Renovada, nome que expresa a súa aspiración a enfocar a cuestión da
Ministerialidade de forma máis ampla que a problemática específica dos curas
casados.
– Asamblea Pueblo de Dios de América Latina y el Caribe (A.P.D.).
Trátase dun movemento macroecuménico que busca o diálogo e o traballo entre
correntes ideolóxicas diversas para afrontar cuestións de tipo social (débeda
externa, dereitos humanos…). Actualmente encontrase en proceso de redefinición.
Tiene un importante componente de católicos y referentes en prácticamente
tódolos países de América Latina e Caribe.
– Red Bíblica Latinoamericana y Caribeña (REBILAC).
Trátase dunha rede de grupos de base que promove a lectura popular da Biblia,
sobre todo entre sectores empobrecidos, tentando desde ela valorar e interpretar
o mundo no que vive a xente, e tentando que desa lectura saia unha acción
transformadora eficaz.
– SERPAJ – Comités Oscar Romero.
É a coordinación internacional destes grupos, centrados na defensa dos dereitos
dos pobos empobrecidos e a cooperación no seu desenvolvemento. Teñen moita
presencia en España e América Latina.
– Cristianos por el Socialismo (C.P.S.).
Nos 70 e 80 foi unha rede internacional importante, hoxe bastante debilitada, pero
cun activo histórico que non se debe ignorar.
– Comunidades Cristianas de Base – Comunidades Eclesiais de Base – Communautés de Base.
Outra vella rede dos anos 60-70 que sigue activa nos países de Europa (España
e Francia, sobre todo) e América Latina. Os seus membros participan
habitualmente noutros grupos.
[ Enviar este texto ]